Este grupo de cantareiras
formado por Verónica Codesal, Natalia Codesal, Magali Menéndez e Marisol Palomo
viven en Bruxelas pero manteñen unha relación, un vínculo vital con Galicia, a
súa principal fonte de inspiración, á que cantan desde fai case vinte anos. Unhas
cantigas coas que mostran, desde a "emigración", o seu amor pola
terra da que xa deixaron constancia na gravación do seu primeiro disco,
"Palabras darei" sendo un
quinteto no ano 2.000 ao que despois seguirían "Marmuladas" (2002),"Nova
Era" (2007) e "Simbiose" (2011).
Este grupo de
pandereteiras galego-belgas, Ialma, reemprende agora o "Camiño (de
Bruxelas a Santiago)", así se chama o seu quinto disco, no que as voces tradicionais
características das cantareiras fusiónanse con sons, melodías e arranxos máis
modernos, dando cancións moi frescas e vivas, que son unha combinación
intelixente para unha renovada música universal con algunhas conexións célticas
Un novo disco no que
contan a súa historia e a das súas familias e no que queren facer unha homenaxe
aos galegos e galegas da emigración. "Camiño",
é a historia da súa emigración e da dos seus pais, pero que segue a evolucionar
"porque un camiño nunca se para", din. "É un camiño de loita,
cultural, de diversidade, de descubrir e de contactar co público e coa xente
doutras culturas. É un camiño que levamos percorrendo moitos anos e que cantamos
a través das nosas cantigas".
O novo disco tamén é un canto á diversidade:
"Descubrirmos novas culturas musicais permítenos enriquecernos e
coñecernos mellor", afirman, definindo así a evolución que fixo o grupo
que contribuíu a perpetuar, renovar e facer evolucionar a música tradicional
galega.
O traballo inclúe 13
temas, algúns tradicionais e outros de feitura ‘tradicional’ con letras
contemporáneas, de autor, a cargo de Brais Fernández. Tamén inclúen un tema en
italiano e outro dedicado aos refuxiados, que nos explica Marisol Palomo:
"porque é o mesmo que a historia dos nosos pais e avós. A miña avoa veu
cunha maleta metida no tren con tres fillos. É exactamente a mesma imaxe que
vemos hoxe. Esa é a historia das catro de Ialma. Uns viñeron como mineiros,
outros fuxiron da Guerra, outros foron fusilados, é como unha homenaxe á nosa
historia e chamando a intentar cambiar o futuro".
Nos concertos, entre tema
e tema, Marisol Palomo vai narrando as historias das súas familias a través dun
diálogo entre nena e avoa. Nos directos contan tamén con Didier Laloy ao
acordeón diatónico e Quentin Dujardin na guitarra e dirección artística, que
tamén é o responsable da produción e dos arranxos do disco.
As Ialma xa levan
amosando por Europa este novo disco, con concertos en Bélxica, Austria e
Francia, e a partir de febreiro poderemos velas en Galicia e en España
comezando o 24 de febreiro na Casa de Rosalía (Padrón).
No hay comentarios:
Publicar un comentario