sábado, 20 de febrero de 2016

III PREMIOS MARTIN CODAX DA MÚSICA


Os Premios Martín Códax da Música  promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo, nacen nun contexto que reborda creatividade musical pero adoece de apoios, de recoñecemento, de visibilidade e dunha industria capaz de facer rendible o inmenso potencial deste sector estratéxico, un sector que, no caso de ser dimensionado –asunto nada sinxelo-, moi probablemente se rebelaría como o máis produtivo e con máis potencial para a cultura galega.

 Os Premios nacen para recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas; revelar novos talentos e achegar a música e o seu proceso de produción ao público.

En eles poden participar todos os proxectos musicais galegos que estean vixentes e en activo neste ano 2016: grupos, solistas, espectáculos, ou proxectos discográficos realizados en Galicia, ou fora de Galicia, pero por músicos, mulleres e homes, galegos. 

Arranca a 3ª edición con novidades en categorías e bases. Nesta terceira edición, que sumará un total de 16 categorías musicais, a música vocal terá o seu propio apartado -- Coros e Música Vocal -- , para " abrir as portas dos premios a mais de 15.000 músicos e músicas deste país que forman parte de proxectos de canto coral, desde as tradicionais corais ata os pequenos grupos vocais que están a xurdir nos últimos anos en Galicia”. 

Tamén, 3 Premios Organistrum para recoñecer o labor de salas, festivais e espazos de comunicación . Outra novedade é o  cambio de calendairo do certame que pasa do inverno á primavera, para situarse nunhas datas “máis propicias para os músicos” que colocan estes premios no calendario dos demais premios sectoriais da cultura galega, para facilitar a participación dos músicos que terán a posibilidade de inscribir todos os proxectos desenvolvidos durante o ano natural anterior”.

 As categorias musicais son: Pop e Indie / Rock / Blues, Funk e Soul / Metal / Canción de Autor / Hip Hop e Músicas Urbanas / Reggae, Ska e Mestizaxe / Electrónica / Música Clásica e Contemporánea / Jazz e Músicas Improvisadas / Música Tradicional Galega / Folque / Músicas do Mundo (Flamenco, MPB, Músicas Balcánicas..) / Música Infantil / Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena / Coros e Música Vocal

O Premio Honorífico Músicos ao Vivo, decidirase en Asemblea Extraordinaria de Músicos ao Vivo e farase público o 15 de marzo. Os Premios Martín Códax da Música van dirixidos a todos os músicos, polo tanto, non é necesario ser socio de Músicos ao Vivo para presentarse a estes Premios. 

A Inscrición dos participantes será libre e gratuíta, e farase polos propios artistas, grupos, ou músicos integrantes do proxecto, a través da web:www.premiosmartincodaxdamusica.com

CALENDARIO

LUNS 15 DE FEBREIRO. Ábrese o prazo de inscrición dos proxectos que remata o luns 29 de febreiro.

MARTES 1 DE MARZO. Comezo da Primeira rolda de votacións que remata o domingo 27 de marzo. Escolleranse aos 3 finalistas de todas as categorías.


XOVES 7 DE ABRIL. Comunicación pública dos Finalistas na Festa de Nomeados que se celebrará nas Adegas Martín Códax en Cambados.

VENRES 8 DE ABRIL. Iníciase a segunda rolda de votacións que remata o mércores 20 de abril. Escolleranse aos Premiados de cada categoría.

XOVES 28 DE ABRIL. Celebración da Gala de entrega dos Premios Martín Códax da Música no Pazo da Cultura de Pontevedra.